Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » A Estación » Historia

Historia

A Estación de Fitopatolóxica do Areeiro, creada a finais de 1980 pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra como unha liña do Servizo Agrario, xorde do intento de cubrir o baleiro existente no sector agrario en materia de fitopatoloxía, co fin de buscar solución aos problemas fitosanitarios que van xurdindo progresivamente nos nosos cultivos e que de non ser controlados levan á diminución ou a desaparición do propio cultivo.

A diversificación de cultivos, as explotacións monovarietais e intensivas, tanto ao aire libre como no interior levan á existencia e aumento das dificultades culturais, e conducen a que os problemas fitosanitarios acaden unha maior importancia e repercusión económica. O recoñecemento ou clasificación destes axentes fitopatóxenos, o diagnóstico das enfermidades que producen e o seu tratamento requiren un nivel elevado de coñecementos e a especialización dos técnicos que o executan. Desta premisa xorde a necesidade de crear unha Estación que atenda aos agricultores neste campo.

O obxectivo primario (que hoxe en día segue vixente, polo menos en parte, posto que foi ampliado) é o asesoramento en materia de fitopatoloxía, é dicir, axudar aos agricultores e Servizos Oficiais a recoñecer as pragas e enfermidades dos nosos cultivos, e a informar sobre a as medidas de protección e control que deben seguir para evitar as perdas que ocasionan estes patóxenos.

No período comprendido entre 1981 e 1984 a Estación inicia a súa andaina con carácter experimental no predio de Areeiro a 3 Km. de Pontevedra capital, e pertencente á Excma. Deputación Provincial. Esta propiedade, que, conta cunha superficie de 5 ha, reunía os requisitos de tamaño e situación para dispor de laboratorios e parcelas experimentais no campo. Daquela en "Areeiro" realizábanse estudos de gando e tabaco.

Durante estes primeiros anos a Estación dedicouse principalmente ao diagnóstico de pragas (insectos) e enfermidades por fungos, e publicaba tamén boletíns fitosanitarios nos que se recollía a información sobre os principais axentes fitopatóxenos presentes nos nosos cultivos e o modo de controlalos.

A partir de 1984, coa entrada na estación de novos técnicos, diversificáronse os nosos obxectivos e se creou unha nova área dedicada a fructicultura. En materia de fitopatoloxía o diagnóstico que antes unicamente cubría as áreas de entomoloxía e enfermidades ocasionadas por fungos completouse co das enfermidades producidas por bacterias e nematodos.

A nova unidade de fructicultura ten por misión a recuperación de variedades autóctonas galegas en canto a froiteiras (froiteiras de óso e de pebida), e a introdución de novas especies e variedades froiteiras aptas para a nosa zona, e a realización dos estudos previos de aclimatación e agronomía. Os resultados obtidos destas experiencias transmítense aos fructicultores por medio de conferencias e publicacións, asesorándolles sobre todos os aspectos destes cultivos.

Posteriormente, en 1989 inaugurouse o Laboratorio de solos, adscrito á Estación Fitopatolóxica do Areeiro; cuxos obxectivos primarios son a realización de análises de solos traídos polos agricultores e Servizos Oficiais. Partindo da interpretación das devanditas análises , aconséllanse as correccións pertinentes e os fertilizantes adecuados para os seus cultivos.

Finalmente, en 1993, créase o primeiro laboratorio de Loita Biolóxica que existe en Galicia, laboratorio onde se poñen a punto métodos de cría artificial de artrópodos beneficiosos de interese agrícola e forestal en Galicia, onde se crían masivamente algúns destes auxiliares e onde se trata de optimizar (e posteriormente transferir aos agricultores) as técnicas de protección fitosanitaria dalgúns dos patóxenos e pragas que afectan aos cultivos de maior importancia na rexión.

Sen embargo, as misións da Estación de Fitopatolóxica do Areeiro abranguen ademais da área do diagnóstico, outras como son a de Avisos Fitosanitarios, a través dos datos recollidos en campo e das condicións meteorolóxicas da zona, enviándose notas informativas ben a través do Boletín que emite periodicamente a Estación ou ben a través dos medios de comunicación. Nestes "Avisos" danse as informacións oportunas en canto á evolución dos diferentes axentes fitopatóxenos que afectan aos nosos cultivos, así como as medidas de control necesarias para combatelos.

Ademais, a Estación Fitopatológica dende o seu inicio preocupouse pola investigación (experimentación) dentro de cada unha das súas unidades; unha investigación eminentemente práctica e dirixindo os seus resultados cara ao sector.

Así, ao longo destes anos leváronse a cabo distintos proxectos financiados por diversos organismos de investigación como a UE, Comisión Asesora, INIA, Xunta de Galicia, CDTI, CAICYT, realizándose estes proxectos ben en colaboración con outros centros de investigación, ou directamente pola Estación Fitopatolóxica

En todos eles os estudos son amplos, cubrindo: necesidades pedoclimáticas, ensaios de abonado, estudos agronómicos (sistema de plantación, poda, rega, etc..), coñecemento e solución de problemas tanto fitosanitarios como culturais, etc..

Tamén ao longo da andaina da Estación Fitopatolóxica, foi unha das súas inquietudes dar a coñecer todos os resultados obtidos das súas experiencias; estes traballos son publicados en revistas especializadas , levados a congresos, ou directamente a través do Servizo de publicacións con que conta a propia Deputación Provincial de Pontevedra.

Coñecedores da importancia que ten unha boa formación dos agricultores para obter uns maiores beneficios do campo, desenvólvense cursos formativos sobre distintas áreas da nosa actividade como: Curso sobre enfermidades de fungos da viña, problemas fitopatóxenos no kiwi, propagación de cultivos ornamentais, podas, etc,. Estes cursos foron desenvolvidos en colaboración co INEM, a Universidade de Santiago de Compostela, S.E.A., Colexios Oficiais, C.P.A.M. e pola propia Deputación Provincial de Pontevedra a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Con todo isto, o que pretende a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra é dar un asesoramento integrado ao agricultor, ao mesmo tempo que os seus técnicos están permanentemente en relación co sector e con outros centros de investigación -nacionais ou estranxeiros- para ter e dar unha visión real e actualizada da realidade agrícola.