Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » A Estación » Liñas de investigación

Liñas de investigación

ACTIVIDADES DA ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO


FITOPATOLOXÍA

Na área de fitopatoloxía trabállase tanto no ámbito agrícola como forestal. No primeiro deles, fundamentalmente en fitopatoloxía da vid, fruticultura e horticultura. No forestal, trabállase en fitopatoloxía das seguintes especies: Pinus radiata, Pinus pinaster, Pseudotsuga menziesii, Castanea sativa, Eucalyptus globulus, e Quercus robur.

Todo isto tanto en plantacións como en viveiro, e levando a cabo estudos taxonómicos, epidemiolóxicos e de control.


FRUTICULTURA

En fruticultura realízanse estudos fundamentalmente en dúas liñas:

A sección de fruticultura traballa desde 1985 no estudo do comportamento agronómico de especies de nova introdución e nos problemas que van xurdindo a medida que os cultivos e o mercado se adaptan.

Estes estudos realízanse na finca da EFA e compleméntanse con outros realizados en diversas propiedades colaboradoras distribuídas pola provincia. Nelas, contrólanse os estados fenológicos, así como os parámetros de produción e calidade de diversas especies, centrándose actualmente en kiwi, kiwiño, feixoa, mirabel, cereixa, etc. Algúns destes cultivos actualmente forman parte das liñas de comercialización de froita ou planta da nosa comunidade.

Desde 1987 tamén se realizaron estudos de adaptación de pequenos froitos, elaborando informes sobre o comportamento e fenoloxía de diversas variedades de grosella, arando, framboesa e amora.

O kiwi é a última froiteira que se incorporou á cadea de comercialización de froita. O método de cultivo desta planta foise estudando e mellorando a medida que avanzaba o cultivo das primeiras plantas introducidas en Galicia, ata o punto de que os problemas fóronse solucionando progresivamente a medida que xurdían e íase coñecendo mellor o comportamento desta planta.

Así, durante anos os estudos realizados na EFA centráronse na mellora do método de propagación, do sistema de poda, nos problemas fitosanitarios, etc... determinándose ademais a definición dos estados fenolóxicos, que actualmente é seguida nas principais explotacións, coa finalidade de determinar as datas máis importantes do cultivo (brotación, floración, etc..).

Desde fai varios anos vénse observando unha redución xeral do calibre dos froitos, que está determinado pola cantidade de sementes do froito (máis de 1000) e é consecuencia do número grans de polen que alcanza o pistilo. Nos últimos anos estase a traballar na aplicación de diversas sustancias para mellorar o calibre, en diversas técnicas de cultivo (anelado de pólas) e na introdución de polen por diferentes métodos (no medio líquido, po, etc..), todo isto para asegurar un calibre medio de 100 gramos por froito.

ORNAMENTAIS

Galicia posúe un clima húmido, con temperaturas suaves e solos ácidos que favorecen o desenvolvemento das camelias.

A orixe das primeiras plantas de camelia que se introduciron en Galicia é aínda hoxe unha incógnita, principalmente pola falta de documentos escritos que avalen a súa procedencia e momento de plantación. Difíciles de obter pola súa orixe lonxana (China, Xapón), durante o século XIX foron plantas de xardíns de pazos e casas señoriais da nobreza galega, onde aínda hoxe podemos atopar numerosos especímenes antigos, pero pouco a pouco, sobre todo na segunda metade do século XX, pasaron a formar parte de todos os xardíns e parques, tanto públicos como privados, de toda a xeografía galega.

Hoxe en día a camelia está amplamente difundida na xardinería galega, de norte a sur e deste a oeste de Galicia. A súa presenza nos xardíns dos pazos galegos (xardín pacego), acompañada doutras especies ornamentais, algunhas autóctonas e outras introducidas, é unha constante.

Aínda que se cultivan varias especies de camelia en Galicia, a máis difundida é sen dúbida Camellia japonica, representada por infinidade de cultivares, e en menor medida as especies Camellia sasanqua e Camellia reticulata. Por todo isto, podemos asegurar que a camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico da xardinería galega.

A gran variedade de formas e cores das súas flores e o feito de que actualmente existan cultivares que viven e florecen entre 40ºC e -20ºC, ademais da súa fácil adaptación para formar estruturas e setos, fai que actualmente o seu cultivo estea en expansión.

A Deputación Provincial de Pontevedra, sempre estivo implicada na difusión da camelia, especialmente a partires do 1965, ano en que se organizou o primeiro Concurso-Exposición Internacional da Camelia. En 1982, A Deputación contaba con 35 exemplares de camelia nos xardíns que rodeaban o Palacio Provincial aos que se engadiron despois da súa adquisición do Castelo de Soutomaior, os seus 19 exemplares históricos. A partir dese momento decidiuse iniciar unha colección que constituíse unha referencia para cultivadores e afeccionados a este xénero botánico. Iniciouse así, unha colección de camelias en cinco das 25 ha do Castelo de Soutomaior que foi aumentada desde 1986 con dous ha da EFA; na actualidade todas elas dedícanse ao mantemento da colección viva de camelia.

Entre 1986 e 2000 incorporáronse 325 exemplares novos á colección mediante material procedente de viveiros galegos, de Francia, Inglaterra, EEUU e Nova Zelandia. Neste período, incorporáronse ademais doazóns de coleccionistas particulares.

Nos últimos 25 anos o equipo da EFA levou a cabo traballos de investigación relacionados coa propagación, produción e protección de planta de camelia, que xurdiron como consecuencia do mantemento da colección establecida nos terreos da Deputación de Pontevedra (xardíns do Palacio Provincial, Castelo de Soutomaior , finca de Areeiro) e da prospección que se vén realizando tanto en Galicia como no norte de Portugal para a recuperación de recursos fitoxenéticos de camelia.

Actualmente, o número de plantas da colección que se reproduce e mantén en contedor en viveiro e/ou en plantación supera as 500, que se corresponden con 325 variedades de Camellia japonica, 41 de C. sasanqua, 26 de C. reticulata, 64 híbridos e varios cultivares doutras 30 especies obtidas a través de colaboracións con investigadores de Xapón e China. De todas elas realízase un exhaustivo control de fenoloxía, problemas sanitarios, propagación, etc..

Recentemente entrou na colección da EFA material, en fase de propagación, de 35 variedades de Camellia japonica, dúas de Camellia sasanqua e unha de Camellia reticulata, obtidas despois da prospección e recollida de material de plantas antigas situadas en Pazos galegos e Quintas do norte de Portugal.

Este material obtívose grazas á posta en marcha dunha nova liña de investigación para a recuperación de cultivares de camelias antigas, liña que se puido iniciar co financiamento da Xunta de Galicia (proxecto PGIDIT03RAG60301PR, Programa de Recursos Agropecuarios cofinanciado con fondos FEDER-MAC) durante 2003-2005, e que se pretende continuar mediante o financiamento de novos proxectos. O obxectivo final é caracterizar todo o material obtido para establecer o nome do cultivar, tarefa moi difícil dado que a información dispoñible nos rexistros internacionais é frecuentemente escasa, insuficiente, moitas veces confusa e non inclúe rexistros fotográficos.

Quérese localizar, documentar e recoller xermoplasma de camelia en toda Galicia e norte de Portugal, definindo e aplicando descritores morfobotánicos que permitan identificar o cultivar e especie ao que pertencen. Toda a información recollerase nunha base informática, elaborándose fichas descritivas completas.

Debido á pouca estabilidade dos carácteres morfolóxicos, que se ven influídos por factores ambientais, é necesario combinar as técnicas de identificación tradicionais baseadas na morfoloxía coas técnicas moleculares, que adquiriron un gran auxe nos últimos anos xa que se basean na información xenética da planta que se mantén estable pese aos factores externos.

Nos últimos cinco anos, na EFA desenvolvéronse técnicas baseadas na PCR para a diferenciación de especies e cultivares de Camellia.O primeiro paso foi pór a punto a técnica de extracción de ADN de camelia, para a que se probaron tres protocolos distintos utilizando distintos tipos de material vexetal en diferente estado fenolóxico.

Para a diferenciación de especies desenvolveuse a técnica de RAPDs, coa que se lograron diferenciar 8 especies mediante catro primers. Na actualidade estase realizando a caracterización de cultivares de C. japonica mediante o desenvolvemento de microsatélites específicos de camelia.

A propagación de fentos arbóreos das especies Cyathea cooperi e Dicksonia antartica é difícil e pouco viable por métodos tradicionais, por isto púxose a punto unha técnica para a xerminación de esporas, formación do protalo e esporofito in vitro e posterior trasplante do esporofito a cámaras de cultivo con condicións controladas de temperatura e humidade ata alcanzar un tamaño adecuado para o seu trasplante ao viveiro.

Está técnica foi transferida con éxito ao sector privado, producíndose unha media de 10.000 exemplares por ano para a venda. Actualmente trabállase tamén na reprodución de especies de fentos autóctonos, que teñen especial interese por tratarse de especies en perigo ao vivir nun hábitat moi alterado polo home. Entre outras especies se esta intentando pór a punto a propagación de Culcita macrocarpa, Pteris incompleta, Trichomanes speciosum, etc..



EDAFOLOXÍA

Na unidade de solos realízanse desde 1990 dous tipos de actividades complementarias:

Dunha parte, trabállase en proxectos de investigación aplicada á agricultura, en concreto no estudo da nutrición mineral dos cultivos ou na dinámica nutricional dos sistemas de explotación máis representativos da provincia de Pontevedra; é por iso que fundamentalmente participouse en proxectos relacionados cos cultivos de viña e froiteiras, así como de kiwi e invernadoiro, representativos estes últimos do sistema de fertirrigación.

Paralelamente, ofrécese aos agricultores e técnicos de explotacións agrarias un servizo de diagnóstico nutricional dos cultivos, baseado fundamentalmente na análise química do solo: proba obxectiva primaria, pero acudindo tamén ás medidas complementarias de diagnóstico: análise foliar, observación dos síntomas, inspeción dos solos e coñecementos da tipoloxía dos mesmos; con todo isto procédese a asesorar en termos dos fertilizantes ou emendas que se estiman necesarios para adecuar o solo ás esixencias de cada un dos cultivos. En relación con esta actividade realízanse anualmente de 1500 a 2000 análises rutineiras de solos, ademais das probas especiais que se consideran necesarias nalgunhas situacións concretas.


CONTROL INTEGRADO DE PRAGAS: Loita Biolóxica

Insectos de cría: Gonipterus scutellatus, Phoracantha semipunctata, Ephestia kuehniella.

Insectos de cría (beneficiosos): Anaphes nitens, Avetianella longoi, Orius majusculus, Macrolophus caliginosus, Chrysoperla carnea.

Dentro da sección de Fitopatoloxía da Estación non podía faltar un campo dedicado á optimización da protección dos cultivos, tanto agrícolas como forestais, fronte aos axentes nocivos que lles afectan. Neste sentido, en 1993 créase o primeiro Laboratorio de Loita Biolóxica que existe en Galicia, laboratorio onde se procede á posta a punto métodos de cría artificial de diferentes organismos beneficiosos, e se realizan estudos e prospecións de entomofauna útil (realizamos as primeiras mostraxes de determinación de insectos e ácaros beneficiosos sobre vide e horta en Galicia) e realízanse ensaios de novos métodos de control en parecelas experimentais, de fungos e insectos prexudiciais, compatibles coas novas esixencias medio ambientais.

Froito dos traballos desenvolvidos desde a creación do laboratorio son a cría masiva dos auxiliares, con aplicación no ámbito forestal, Anaphes nitens (parasito dos ovos do defoliador do eucalipto Gonipterus scutellatus) e Avetianella longoi (parasito oófago de Phoracantha semipunctata F.); dos beneficiosos de interese xeral agrícola Chrysoperla carnea, Orius majusculus e Macrolophus caliginosus (así como do seu alimento de substitución Ephestia kuehniella) e estase a iniciar a cría de Encarsia formosa e outros auxiliares para ampliar o conxunto de produtos biolóxicos que se obteñen artificialmente. A produción de Anaphes nitens realízase a nivel comercial desde 1994, logo de asinar varios convenios de colaboración entre a Excma. Deputación Provincial de Pontevedra e diversas institucións e empresas para levar a cabo o control biolóxico do defoliador en España e Portugal; cos demais auxiliares estanse a realizar soltas experimentais para os cálculos de aplicación e eficacia.

No tocante á experimentación de novos métodos de control de enfermidades e pragas, púxose a punto o método de loita oportuna fronte ao mildeu da vide e estanse optimizando medios de control doutros patóxenos, determinándose as pautas de tratamento para diferentes pragas e realizándose ensaios de control integrado con métodos de confusión sexual e tratamentos químicos utilizando produtos compatibles co medio ambiente, todo isto en materia agrícola e forestal.