Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Agronómica » Cítricos » xaneiro - abril
Cítricos: Labores a realizar no período xaneiro - abril

Os labores culturais que se poden realizar durante os primeiros meses do ano están encamiñados basicamente cara ao mantemento ou a mellora das condicións da plantación:

 
  • Tratamentos fitosanitarios.- A comezos do ano cómpre realizar algún tratamento cun funxicida cúprico recomendado para o seu uso en cítricos, procurando non aplicalo con baixas temperaturas (inferiores a 10º C) nin cando exista risco de xeadas.



Este tratamento invernal axudará a previr algunhas patoloxías causadas por fungos, algunhas das cales están a aparecer con relativa frecuencia nos últimos anos, como Phythophthora hibernalis, responsable de parte das podremias de froitos na árbore, ou de antracnose (Colletotrichum gloeosporioides), responsable de manchas nos froitos e de seca das pequenas pólas.

Outras patoloxías frecuentes na nosa zona que se poden manifestar nesta época (tamén en outras) son Phythophthora cinnamomi, que é un fungo do solo que pode levar á morte da planta por atacar ás raíces absorbentes da árbore ou Armillaria mellea, outro fungo das raíces que afecta neste caso ás estruturais. Non existen tratamentos curativos fronte a estes fungos pero poden utilizarse fosetil-Al ao 80% fronte a P. cinnamomi e cubiet ao 50% fronte a A. mellea, que axudan a previr o ataque a árbores contiguas. Para combater estas patoloxías do solo sempre é fundamental a posta en práctica de certas medidas culturais como son evitar o encharcado do terreo, eliminar restos leñosos en descomposición etc. Tamén existe a opción, menos practicada en xeral por non ser habitual, de eliminar a capa superficial do solo para expoñer as raíces principais e realizar un tratamento con produtos a base de cobre. Ademais, nas plantas fortemente afectadas, en primavera pódese realizar unha poda da copa para reducir o seu tamaño e equilibrala así co sistema radicular, que estará reducido debido ao ataque dos fungos. Se malia a realización destas medidas as plantas terminan por morrer, deben ser eliminadas e debe aplicarse ao solo oxicloruro de cobre ao 20% (a unha dose de 3 Kg por cada 100 litros de auga) ou cal vivo.


Síntomas de Phythophthora hibernalis



Síntomas de antracnose nas pequenas pólas


Síntomas de Phythophthora


Micelio de Armillaria mellea


As pragas de insectos que poden aparecer neste período, especialmente dende o inicio da primavera, son insectos chupadores como pulgóns, cochinillas e moscas brancas. Tamén é cada vez máis frecuente o minador das follas dos cítricos (Phyllocnistis citrella), cuxas eirugas realizan galerías sinuosas na superficie das follas. Para o seu control, débense aplicar insecticidas rexistrados no cultivo, respectando sempre as doses da etiqueta e as posibles restricións de uso.

Pulgóns


Cochinillas



Mosca branca (esq) e minador (dta)