Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Publicacións » Comunicacións » 2010

Seminario sobre Biodiversidad vegetal en el sistema agroforestal atlántico (AGROFOR)

Pontevedra, 27-28 de Octubre, 2010


Diversidade do material vexetal de Actinidia deliciosa en plantacións comerciais de Galicia

Salinero C.¹; Vela P.¹; Couselo J.L.¹; Sainz M.J.²

¹Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Deputación de Pontevedra. Subida a la Robleda s/n, E-36153 Pontevedra. efa@efa-dip.org
²Departamento de Produción Vexetal, Universidade de Santiago de Compostela, 27002 Lugo, España.


RESUMO: O cultivo de kiwi realízase maioritariamente en todo o mundo con variedades de Actinida deliciosa (A. Chev.) C.F. Liang et A.R. Ferguson, seleccionadas pola calidade do seu froito. A variedade máis cultivada é 'Hayward'; as súas flores fórmanse nos gromos das pólas dun ano de idade. No gromo que xorde de cada xema axilar da póla, hai oito meristemos potencialmente reprodutivos (nós 5 ao 12). Do nó 13 en diante, fórmanse follas mentres que as xemas están progresivamente menos desenvolvidas (Brundell, 1975). As flores pistiladas preséntanse en dicasios formados por unha flor terminal e dúas flores laterais; no caso de 'Hayward' as flores laterais polo xeral abortan (Hopping, 1990), o que leva ao desenvolvemento do froito só na flor terminal. Porén, algúns anos de invernos máis fríos as flores laterais completan o seu desenvolvemento e prodúcense inflorescencias de dous ou tres flores.

En España as primeiras plantacións de A. deliciosa establecéronse en Galicia nos anos 70 a partir de planta importada de cultivar 'Hayward'. Actualmente Galicia é a principal Comunidade Autónoma produtora, con 820 ha cultivadas en 2008 que produciron 13.260 t de froita, un 76,4% da produción española.

Considérase que todas as plantas pistilíferas das plantacións galegas son 'Hayward'. Non obstante é frecuente observar nas plantacións vides que presentan características fenotípicas que non se axustan ao estándar de 'Hayward', xa que presentan gromos frutíferos máis curtos con froitos que parecen formar densos acios. O obxectivo deste traballo foi comparar características agromorfológicas e produtivas de vides típicas e non típicas de 'Hayward' en plantacións galegas.