Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Análises e Tarifas » Fitopatoloxía

ENVÍO DE MOSTRAS PARA ANÁLISES FITOPATOLÓXICAS


Para un correcto diagnóstico a mostra debe ser o máis representativa posible dos síntomas observados en campo.

No caso de plantas pequenas ou de cultivos en invernadoiro recolleranse cinco plantas completas con terrón e a terra adherida a el. Evitarase recoller as mostras despois da chuvia ou o rego para evitar podremias durante o transporte. As mostras envolveranse en papel de xornal e posteriormente en bolsas de plástico, debidamente etiquetadas, para evitar confusións.

No caso de árbores adultas ou plantacións establecidas recolleranse mostras de madeira, pólas, raíces e froitos se procede, e substrato (a unha profundidade de entre 20 e 40 cm) de cinco plantas con síntomas en diferentes estadios da posible enfermidade envolvéndose e etiquetándose separadamente. Se existisen setas na base da árbore ou sobre a madeira recolleranse separadamente envolvéndose en papel de xornal para o seu traslado ao laboratorio.

Se se trata de insectos, ademais do aplicable nos parágrafos anteriores, o máis axeitado é envialos vivos no interior dun tubo ou recipiente de cristal ou plástico, preferiblemente con material vexetal (follas, froitos ou o órgano do que se alimenten). Nunca se deben esmagar, polo que é moi importante envialos en recipientes que non sufran danos.