Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

08/05/2009

VIÑA Estado fenolóxico - Acios separados
Mildeu:Ver Fotos

Detectamos a primeira mancha noutras dúas parcelas de seguimento do Salnés, concretamente nas de Castrelo e A Modia. Nas demais fincas (agás no Rosal e Tremoedo) aínda non se atoparon os primeiros síntomas. En realidade, ata o de agora non se rexistraron condicións especialmente favorables para o desenvolvemento da enfermidade, pero debe prestarse atención ao cambio de climatoloxía previsto para a semana próxima, que pode levar á aparición de manchas. Se o viñedo non se atopa protexido por un tratamento anterior, é conveniente que se aplique antes das precipitacións, especialmente tendo en conta que nos estamos a achegar á floración, momento de moi elevada sensibilidade á enfermidade.

Oidio:Ver Fotos

Polo momento seguen sen aparecer os primeiros síntomas desta enfermidade. Non é necesario iniciar aínda os tratamentos.

Trazas:Ver Fotos

As capturas de trazas seguen a ser bastante elevadas, aínda que xa se produciu o pico de voo da primeira xeración e o número de machos se reduciu fronte á semana anterior. Aínda non se observan síntomas, polo que non é preciso a aplicación de ningún tratamento.

Ácaros:

Malia as temperaturas elevadas dos últimos días, polo momento non se detectaron as primeiras colonias. Non é conveniente tratar con produtos acaricidas a menos que se confirme a presenza destes artrópodos.

MACEIRA
Cydia pomonella:

Superouse novamente o limiar de tolerancia referido ao número de insectos recollidos por trampa. Cómpre tratar.





Pulgóns:

Comezan a detectarse colonias de pulgón verde nos gromos. Este áfido non ten incidencia, en xeral, sobre o desenvolvemento do froito, polo que normalmente non é necesario tratalo. Porén, nalgunhas árbores hai unha elevada porcentaxe de gromos con pulgón cinsento, que pode provocar deformacións nos froitos. En casos como estes, é recomendable aplicar un aficida (ou, se se intervén fronte a Cydia, elixir un insecticida con efecto fronte a ambas as dúas pragas).


MARMELEIRO
Oidio:

Nesta semana apareceron os primeiros síntomas desta enfermidade, de xeito bastante xeneralizado, polo que cómpre tratar.





CAMELIA
Chloropulvinaria floccifera:

Continúan a observarse as primeiras colonias de esta cochinilla en camelias de toda a provincia. Débese aplicar un tratamento insecticida para evitar a debilidade da planta e a instalación de fungos de fumaxina sobre a melaza que xera o insecto.