Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

24/01/2011

FROITEIRAS
Tratamentos de inverno:

As chuvias reiteradas talvez dificultaron a aplicación dos tratamentos cúpricos que se deben realizar no inverno. Pero aínda poden facerse ata a chegada da primavera, salvo cando as temperaturas sexan moi baixas e exista risco de xeadas. Este tratamento é moi conveniente despois da poda (pois protexe as feridas que se producen) e, no caso do melocotoeiro e outras froiteiras de óso, antes de que se produza a apertura das flores para protexelas de parasitos endémicos en Galicia como a lepra.


PIÑEIRO
Bursaphelenchus xylophilus, da madeira do piñeiro:Ver FotosVer Fotos

En novembro de 2010 detectouse este perigoso organismo nunha árbore dun rodal de Pinus pinaster do municipio das Neves. Debido a que desde entón se suceden noticias relativas á enfermidade, a continuación presentamos brevemente o patóxeno e o seu vector, a relación entre eles, as condicións para que se produza a enfermidade e as medidas de control que se van adoptar



Antecedentes
Bursaphelenchus xylophilus é o causante da enfermidade denominada decaemento súbito ou seca dos piñeiros. Procede de Norteamérica, onde apenas produce danos pois as especies de piñeiro autóctonas alí son resistentes e as condicións climáticas non favorecen o seu desenvolvemento. É un organismo de corentena na Unión Europea polo que as administracións dos diferentes estados membros tomaron medidas para previr a súa introdución mediante inspeccións e mostraxes. Non obstante, en 1999 detectouse en Portugal, na zona de Setúbal, e desde entón estableceuse un programa de control naquel país que non logrou evitar a súa dispersión a outras áreas, o que incrementou o risco de introdución en España. De feito, en 2008 detectouse unha árbore afectada na Sierra de Dios Padre (Cáceres), que foi inmediatamente eliminada, así como varias hectáreas de piñeiral do contorno. En Galicia detectouse en novembro de 2010 nun rodal de Pinus pinaster do municipio das Neves (Pontevedra) como consecuencia das mostraxes intensivas que se levan desenvolvendo desde hai máis de dez anos

O nematodo patóxeno
Adulto de Bursaphelenchus xylophilusEn xeral, os nematodos son animais non visibles a simple vista, de forma cilíndrica e estreita. Habitan en todos os ambientes; hainos de vida libre, que adoitan ser típicos de ambientes húmidos como os solos, e parasitos, tanto de plantas coma de animais. Posúen unha especie de estilete (similar a unha agulla oca) que, no caso dos fitófagos, lles permite alimentarse dos xugos celulares das plantas. Os nematodos do xénero Bursaphelenchus miden de 0,4-1,5 mm e atópanse na madeira alimentándose de hifas de fungos. Ademais, o B. xylophilus aliméntase de células das árbores polo que é parasito dos piñeiros. Para o seu transporte dunhas árbores a outras están asociados a insectos que dun modo ou outro se alimentan da madeira e que soen ser coleópteros (escaravellos).

O insecto vector
Adulto de Monochamus galloprovincialisinsecto vector Os principais vectores de B. xylophilus son coleópteros da familia Cerambycidae (en xeral, os escaravellos de antenas longas) pertencentes ó xénero Monochamus. Dependendo do país as especies citadas como transmisoras varían. En Portugal o vector é Monochamus galloprovincialis, tamén presente en Galicia, polo que é de esperar que este insecto sexa o transmisor na nosa comunidade. O adulto de M. galloprovincialis ten unha lonxitude de 17-25 mm, o seu corpo é de cor parda negra e presenta manchas irregulares de cor gris. As antenas son longas, máis nos machos pois sobrepasan amplamente a lonxitude do seu corpo (nas femias só lixeiramente). As femias depositan os seus ovos baixo a cortiza de árbores decaídas ou en madeira recén apeada. As larvas son de cor branca marfil e sen patas; primeiro aliméntanse da capa máis superficial da madeira e conforme avanza o seu desenvolvemento penetran máis ó interior, onde seguen alimentándose ata pupar nunhas cámaras de pupación para transformarse en adultos. O ciclo do insecto complétase nun ou dous anos.

A transmisión da enfermidade
Síntoma da alimentación de maduración de Monochamus Prodúcese tanto a través da posta de ovos do insecto en árbores debilitadas ou enfermas coma a través da súa alimentación. No primeiro caso, se a árbore na que se realiza a posta está infectada, o estado de dispersión do nematodo diríxese ás cámaras de pupación de Monochamus e adhírese ó seu corpo, de maneira que cando emerxen os coleópteros os adultos levan os nematodos. A transmisión por alimentación prodúcese cando os insectos recén emerxidos se nutren dos ramillos novos dos piñeiros para madurar sexualmente: os nematodos entran neles a través das feridas de alimentación. Outro tipo de transmisión pode deberse ó home, a través do comercio de produtos madeireiros con presenza de pupas de Monochamus e do nematodo

Danos e condicións necesarias
Piñeiros mortos por o ataque de Bursaphelenchus xylophilus Síntoma inicial do danoAs árbores comezan a manifestar síntomas similares a unha seca unhas tres semanas despois da infección debido a que os nematodos bloquean os canais de resina. Ademais, as árbores debilitadas atraen a máis insectos que se alimentan de madeira, o que intensifica o dano. A morte do piñeiro pode ocorrer ós 30-40 días despois da infección. Para que se desenvolva a enfermidade é necesario que na zona existan condicións de temperatura suficientes, por encima de 20º C nos meses máis calorosos do ano. As especies forestais susceptibles a esta enfermidade son principalmente coníferas do xénero Pinus, podendo ser atacadas outras coníferas dos xéneros Larix, Abies, Picea e Pseudotsuga.

Hai que ter en conta que os síntomas que produce non son exclusivos de B. xylophilus e pódense deber a outros problemas sanitarios e fisiolóxicos

Medidas de control
Trampa "multifunnel" para a captura de Monochamus galloprovincialis, o vector do nematodoA Comisión Europea, a través de diferentes decisións, establece as medidas de actuación que se deben tomar unha vez que se detecta a praga. A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, segundo o previsto na lexislación europea, estableceu dúas áreas de intervención: a "zona de erradicación", dunha extensión de 1,5 km de radio ó redor do foco de detección no que se realizarán labores de erradicación e destrución das árbores de todas as especies sensibles (labores que xa se iniciaron); e a "zona demarcada", dun radio de 20 km ó redor das coordenadas do punto positivo, no cal se eliminarán as árbores mortas que puidesen atraer o vector, co que se pretende limitar o avance da enfermidade. Ademais, tamén se realizarán prospeccións para determinar a extensión real da enfermidade. Por outra parte, prohibiuse a saída da zona de erradicación e demarcada de plantas, madeira, embalaxes e residuos de madeira de especies sensibles sen control oficial. Como medida de control do insecto vector vaise realizar un trampeo masivo ó redor do foco mediante a instalación e o seguimento de trampas de embudes múltiples e de ventá cruzada cebadas con feromonas específicas e non específicas unidas a volátiles de piñeiro. Ademais, como medida accesoria, é recomendable poñer en práctica aquelas actuacións que leven a reducir as poboacións do vector: manter un bo estado sanitario no monte eliminando pés debilitados e moribundos, non deixar restos de corta no monte, eliminar os montóns de madeira do monte no período de voo do vector (ou descortizar os troncos se hai que deixalos, etc.). O nematodo pode considerarse erradicado se durante un período de tres anos non se producen positivos na zona demarcada, co que é moi importante adoptar e respectar as medidas mencionadas.