Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

01/04/2011

VIÑA
Excoriose :

En canto se estabilice a climatoloxía (as previsións anuncian que será a semana próxima), e se non se fixo aínda, débese aplicar un tratamento con mancozeb, folpet ou outros funxicidas rexistrados naquelas viñas que se encontren nos estados fenolóxicos D-E. Realizar esta intervención no momento oportuno (non máis tarde do estado E -follas estendidas-) é moi importante para evitar problemas con esta patoloxía.

Pedroulo:
Adulto de pedroulo
Os ataques deste e outros gurgullos poden comprometer a brotación das viñas polo que se aconsella vixilancia e tratar (con clorpirifos 48%) en canto se detecte a súa presenza. De feito xa recibimos varias consultas e puidemos confirmar os primeiros danos nalgunhas parcelas da comarca do Salnés.



Mildiu:

En xeral, o desenvolvemento das viñas non é suficiente para ser receptivas ó mildiu, pero naqueles viñedos máis adiantados hai que iniciar a vixilancia xa que as condicións climáticas desta primavera son moi inestables (alternancia de períodos cálidos e chuviosos) e poden adiantar a aparición das primeiras manchas.



MACEIRA
Oidio:

Non atopamos os primeiros síntomas da enfermidade pero, dado que a brotación xa empezou, aconséllase iniciar a vixilancia nas variedades máis sensibles.


Moteado:
Danos no froito do Moteado da maceira
Tamén se deben vixiar aquelas maceiras con elevada sensibilidade a esta patoloxía. Naquelas variedades que todos os anos sofren ataques fortes de moteado é conveniente aplicar un tratamento preventivo neste momento, máis tendo en conta a climatoloxía destas últimas semanas.
KIWI
Bacteriose:

Recórdase unha vez máis que estas enfermidades poden ocasionar graves perdas e a brotación é un momento de máxima sensibilidade en kiwi, polo que se fai necesaria unha vixilancia periódica das plantas e a aplicación das medidas recomendadas (para máis información ver o aviso anterior, do luns 28 de marzo, e consulte as novas fichas técnicas da Estación "Pseudomonas syringae pv actinidiae responsable del chancro bacteriano en Actinidia spp." e "Pseudomonas syringae pv syringae y P. viridiflava en Actinidia spp. en Galicia").


FROITEIRAS DE ÓSO
Moniliose, lepra do melocotoeiro e outros patóxenos:
Taphrina deformans - Lepra do melocotoeiroMonilia - Cereixas amosando as esporulacións de Monilia Sp.
Debido ás condicións climáticas desta primavera é aconsellable, unha vez que se estabilice a climatoloxía, aplicar un tratamento preventivo fronte a estas enfermidades. Entre os funxicidas recomendados polo Ministerio están, para a moniliose: captam, fenhexamida, manzozeb, tebuconazol, tiram ou ziram, e para a lepra: ziram 76%.


CAMELIA
Cosetacus camelliae:
Detalle do botón floral de camelia afectado polo ácaro Cosetacus camelliae
Neste momento estase a producir a elongación dos brotes nalgunhas variedades. Cando esta situación se xeneralice é moi importante aplicar un tratamento acaricida fronte a este eriófido.


Pedroulo:
Festonado das follas de camelia producido por curculiónido
Ó igual que para a viña hai que prestar moita atención á aparición das mordeduras características que poden causar os adultos desta e outras especies de curculiónidos (gurgullos) sobre os novos brotes.


PIÑEIRO
Procesionaria:
Eirugas de Thaumetopoea pytiocampa en procesión
A elevación das temperaturas asociada á melloría do tempo provocará que se empecen a ver as características procesións de enterramento das larvas desta especie (de momento non temos constancia de que xa se estean a producir). Un ano máis recordamos que non se deben manipular debido a que posúen pelos urticantes e que se debe evitar que os animais domésticos accedan a elas pois tamén lles poden provocar danos.


Escolítidos e outros xilófagos:
Trampa de embudos múltiplesGalería reproductiva do escolitido Ips sexdentatus Orificios de emerxencia de escolítidos nun tronco de piñeiro Síntomas de actividade larvaria dos xilófagos
Desde hai dúas semanas estamos observando como se incrementou a captura destes insectos, cuxas larvas se alimentan da madeira, nas trampas instaladas nos piñeirais, o que indica que iniciaron a súa actividade. As poboacións destes perforadores están a sufrir importantes incrementos na práctica totalidade dos montes desde hai uns anos polo que é conveniente que se realice un seguimento do estado dos piñeirais e, se é necesario, se instalen trampas de captura masiva para limitar os danos por eliminación de parte dos adultos. Este aviso non afecta a Monochamus galloprovincialis, vector del nematodo da madeira do piñeiro, pois aínda é pronto para as primeiras capturas.

Leptoglossus occidentalis:
Adulto de Leptoglossus occidentalis
No outono de 2010 detectouse en Galicia a presenza deste hemíptero que se alimenta a expensas dos piñóns e que pode prexudicar a súa xerminación. Debido a que a detección foi case en inverno e a que nese momento os insectos se protexen do frío (incluso se atoparon en vivendas) descoñécese a súa distribución na nosa comunidade e os posibles danos que poida ocasionar no futuro.