Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios

AVISO FITOSANITARIO

21/07/2011

VIÑA Estado fenolóxico: M1-M2 (Inicio do envero - Envero)
Mildiu:

Nas parcelas da nosa rede de seguimento non observamos síntomas da enfermidade. Nin sequera continuaron evolucionando as manchas incipientes que apareceran nas plantas que mantemos sen tratamentos. A situación observada débese, probablemente, ó baixísimo nivel de inóculo desta enfermidade nesta campaña, posto que condicións favorables continuaron rexistrándose (a pesar do descenso térmico que se produce nas horas nocturnas). A previsión meteorolóxica anuncia unha melloría climática para os próximos días co que, unido á entrada da coloración da práctica totalidade de acios, xa non se esperan danos na uva.

De aquí ó final de campaña aínda poden aparecer síntomas nos brotes terminais (atención tamén ós acios de leiras onde a coloración non sexa xeneralizada) pero neste momento non é necesario tratar.
Oidio:

Folla nova de alabriño con forte presenza do fungoHoubo condicións favorables ó oídio debido á presenza de néboas ou nubes pero esta enfermidade tamén deixa de afectarlle ó acio unha vez que entra a coloración. Non obstante, nas plantas testemuña que mantemos sen tratamentos obsérvanse síntomas en folla e tamén, esporadicamente, nos acios pouco desenvolvidos. Por este motivo, naquelas leiras onde houbese presenza de enfermidade, e onde a incidencia de síntomas sexa importante, aínda é necesario tratar para evitarlle danos á vexetación e reducir o inóculo para a próxima campaña.

Botrytis cinerea:

Gran de uva con ataque de botriteDebido á relativa inestabilidade climática deste mes, naqueles viñedos nos que existan variedades sensibles a este patóxeno e/ou feridas por calquera causa é conveniente aplicar un tratamento (que debe dirixirse ós acios) co fin de evitar danos futuros. En caso de que xa se realizase aínda non é necesario renovalo.


Couzas do acio:

Gran atacado por larva de Lobesia botranaAínda poden aparecer postas e penetracións de couza nos acios a pesar de que nas nosas parcelas de seguimento apenas se observan moi puntualmente (e tamén as capturas de adultos nas trampas son moi baixas). En xeral, a partir de agora non esperamos danos directos importantes causados por esta praga pero non se debe esquecer que as súas penetracións larvarias son feridas que favorecen a entrada de botrite.

Cicadélidos:

Scaphoideus titanus capturado en trampa cromáticaÓ igual que no resto da campaña seguimos capturando escasos individuos de cicadélidos nas trampas instaladas (e de momento non recollemos ningún adulto de Scaphoideus titanus). Ademais, só se atopan esporadicamente ninfas nos cálculos de follas. Non é necesario tratar.


Ácaros:

En ningunha das nosas parcelas de seguimento se observan síntomas da presenza de ácaros, e tampouco recibimos mostras positivas na Estación. Aconséllase, coma sempre, confirmar a súa presenza en caso de síntomas e cuantificar as súas poboacións para determinar a conveniencia de tratar ou non.


Outros:

Recibimos máis mostras na Estación con síntomas e presenza confirmada de trips, cuxa aparición xa anunciamos no aviso anterior. Polo tanto, se se observa a sintomatoloxía que se reflicte nas imaxes e se confirma a presenza destes insectos hai que aplicar un tratamento (entre os insecticidas rexistrados están o spintor ou o metil-clorpirifos).

Síntomas do ataque de trips na vexetación novaPunteaduras necróticas e entrenós curtos por tripsDetalle dos síntomasSíntomas na uva

Lémbrase que é moi importante confirmar a presenza do insecto pois os síntomas poderían confundirse cun ataque de ácaros (ou incluso con outras alteracións).
MACEIRA
Moteado:

Non observamos síntomas da enfermidade nas nosas parcelas de seguimento e a previsión meteorolóxica anuncia tempo estable para os próximos días polo que, en principio, non é necesario tratar.


Couza da maceira:

Non capturamos ningún macho nas trampas de feromonas instaladas nas nosas parcelas de seguimento e tampouco vimos novas perforacións. Aínda así, as poboacións deste lepidóptero poden ser moi variables entre parcelas polo que, se se observan danos, é conveniente manter a protección das froiteiras respectando os prazos de seguridade dos insecticidas empregados nos tratamentos.