Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase a las novedades de nuestra Página web Suscribirse a las novedades por correo electrónico

AVISO FITOSANITARIO

02/08/2013

VIÑA Estado fenolóxico: L Peche do acio
Mildeu:

Entre o pasado luns 29 (data de emisión do aviso fitosanitario extraordinario) e o día de hoxe as condicións climáticas nocturnas foron favorables ó mildeu: temperaturas superiores a 15-17 ºC, humidades relativas por riba de 90% e humidade foliar durante varias horas nas estacións de todas as comarcas. Na revisión das nosas parcelas de seguimento (mércores 31) unicamente vimos novos síntomas nas plantas testemuña (sobre todo da comarca do Salnés), pero non nas parcelas tratadas, onde o propio luns renovouse o tratamento. Debido a que as previsións meteorolóxicas anuncian alternancia de días con elevada posibilidade de precipitación con días de tempo estable, convén aínda manter a vixilancia xa que ata o momento do pintado aínda se poden producir algúns danos na uva.


As precipitacións que se prevén serán, en principio, de moi baixa contía. De ser así, non lavarán os funxicidas recentemente aplicados


Manchas de aceite en folla de planta controlPlasmopara vitícola - Síntomas de Mildiu larvado en acios


Oídio:

Observamos un novo incremento na presenza do fungo, tanto nas follas coma nos acios, nas plantas testemuña. Nas tratadas unicamente aparecen grans illados nalgúns casos, como dixeramos a semana anterior. As condicións ambientais continúan sendo moi favorables ó fungo, polo que é necesario manter a vixilancia.


Lembren que a uva pode sufrir danos polo fungo ata o pintado. Se se descoida a protección e rematan producíndose fendas da pel dos grans verase favorecido o ataque da podremia gris


Micelio de oídio en follaAcio de albariño con danos por oídio


Botrite:

Na revisión desta semana vimos acios illados afectados por este fungo nalgunhas parcelas tratadas e un maior número deles na testemuña. As humidades e a calor nocturnas, así como o lixeiro incremento observado nas penetracións de couzas, favorecen a súa presenza. No aviso do luns 29 xa recomendaramos a aplicación dun antibotrítico; no caso de non facelo, a nosa recomendación é que realicen unha avaliación dos acios, tratando naqueles casos en que se xustifique debido á porcentaxe de afectados.


Este ano obsérvanse nalgúns viñedos abundantes fendas fisiolóxicas das uvas. Como sempre dicimos, as feridas son vías de entrada para este fungo, polo que nestas parcelas, así como en variedades sensibles, o tratamento estará xustificado


Gran de uva con ataque de botrite Ataque incial de Botrytis Cinerea en acio de albariño. Obsérvese: (frecha A) micelio incipiente do fungo; (frecha B) a penetración da traza Este rachado fisiolóxico é unha ferida sobre a que se pode instalar botriteEste rachado fisiolóxico é unha ferida sobre a que se pode instalar botrite


Black rot:

Na nosa parcela de seguimento do Condado, onde houbera síntomas da enfermidade na folla, os acios están completamente sans. Con todo, recibimos na Estación unha mostra procedente do Ribeiro onde si hai importantes danos nos grans. Lembren que para o control desta enfermidade varios funxicidas destinados a combater o mildeu (e algúns antioídio como certos IBS) actúan tamén contra este fungo.


Danos de black rot nun acio de O RibeiroDanos de black rot nun acio de O Ribeiro


Couzas do acio:

Nas nosas parcelas de seguimento as capturas de machos de segunda xeración nas trampas continúan sendo escasas. Con todo, observamos nesta semana un incremento nas penetracións de couzas, aínda que sen alcanzar o limiar de tolerancia (3-5% de acios con ovos ou penetracións en variedades sensibles á botrite e 5-8% no resto de casos). é moi importante realizarlle estes controis ós acios antes de tomar unha decisión, consultarlles en cada caso ós técnicos sobre a conveniencia de tratar ou non e, moi importante, sobre o tipo de insecticida a empregar: moitos dos rexistrados son ovicidas ou reguladores de crecemento, que por tanto deben ser aplicados no momento oportuno.


Orificio de entrada da eiruga da couza nun gran de albariñoCambio na coloración do gran como consecuencia da penetración dunha couza no interior do acio


Cicadélidos:

Nas nosas parcelas de seguimento, salvo en Castrelo, as capturas de cicadélidos nas trampas apenas variaron (na Modia, 24 capturas esta semana, fronte a 51 na anterior). En Castrelo si se observou un incremento, aínda que de Zygina rhamni, que como sabemos ten unha transcendencia menor. Nos controis das follas a presenza de ninfas tamén se incrementou, aínda que sen alcanzar o limiar de tolerancia. Manter a vixilancia posto que as poboacións destes insectos adoitan incrementarse nesta época.

Capturas de Zygina rhamni en trampa amarillaCicadélidos - Adulto de Zygina rhamni no revés


Trips:

Punteaduras necróticas e entrenós curtos por trips Nesta semana non recibimos na Estación ningunha mostra con presenza de trips. Lembren que antes de aplicar un tratamento insecticida débese confirmar a súa presenza para non prexudicar ó complexo de insectos útiles existente nos viñedos.

Altica:

Folla de Albariño con ataque de AlticaNon ollamos variación ningunha na presenza de follas afectadas na nosa parcela de seguimento do Condado.


Ácaros:

Nalgunhas leiras do Salnés que observamos no camiño cara ás parcelas da nosa rede vimos síntomas de araña vermella (ademais dos de acariose referidos no aviso anterior). A recollida dalgunhas follas nesas leiras confirmou a presenza de formas móbiles. Aínda así, non se debe tratar de forma xeneralizada, senón só despois de confirmar a presenza de poboacións en contía suficiente.


Os tratamentos innecesarios poden eliminar os ácaros útiles presentes en moitas plantacións e favorecer con iso novos ataques


Panonychus ulmi - Dereita folla de viña atacada por ácaros; esquerda folla sanaFemia de Panonychus ulmi


Outros.- Enfermidades da madeira:

Planta con síntomas de patoloxías da madeira marcada para o seu tratamento diferenciado na podaNalgunhas leiras continúa avanzando a presenza de plantas sintomáticas. A pesar de que dalgunhas plantas sen síntomas se pode tamén illar algún ou algúns fungos responsables destas alteracións, novamente insistimos en que se deben marcar polo menos todas as sintomáticas para o seu tratamento separado no momento da poda.


MACEIRA
Apigarado ("moteado"):

Sintomas de moteado en manzanas O risco de infección permanece ata o final da campaña e, dadas as condicións ambientais de clima cálido e húmido que se rexistran, é conveniente manter a vixilancia e renovar os tratamentos se aparecen novos síntomas ou se as plantas xa non están protexidas.


Couza da maceira:

Eiruga de Cydia pomonella e dano en froitoNesta semana non se superou o limiar de tolerancia en ningunha das nosas parcelas de seguimento.







Xa é bo momento para instalar bandas-trampa de cartón ondulado nas maceiras para capturar as eirugas que se retirarán a invernar. Xeralmente, as eirugas refúxianse en fendas da cortiza da árbore ata a primavera seguinte. Por iso, colocando bandas de cartón ondulado ó redor dos troncos proporciónaselles un bo refuxio; ó retirar estas bandas no outono (outubro-novembro), e destruílas, elimínase parte da poboación nociva para a seguinte campaña. Na secuencia que segue móstrase o proceso de instalación:



Araña vermella:

Nesta semana recibimos mostras con ataque de araña vermella Panonychus ulmi. Os posibles tratamentos débense aplicar só se se supera o 40-45% de follas con presenza do ácaro para protexer á fauna útil.


Lembren que os ácaros útiles fitoseidos, cando están presentes nunha leira e non se efectúan tratamentos indiscriminados que os prexudiquen poden regular naturalmente as poboacións de ácaros infesta, polo que non se debe tratar a menos que sexa realmente necesario. Estes ácaros beneficiosos son frecuentes en moitas leiras da nosa área


Formas móbiles na follaBronceado das follas debido a Panonychus ulmi