Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Áreas de Traballo » Edafoloxía » Actividades de Investigación Aplicada


Actividades de Investigación Aplicada

Os estudos da nutrición mineral da viña e o kiwi realízanse en colaboración con cooperativas produtoras e empresas do sector, respectivamente. Así, periodicamente efectúanse estudos exploratorios da composición normal da viña no callado e no envero en diferentes condicións agroambientais; con este obxectivo realizáronse en diferentes anos controis en diferentes fincas do Salnés, O Rosal, Condado e tamén en Ribadavia.

Por outra banda, estudáronse diferentes fórmulas de fertilización en plantacións de kiwi durante seis anos, segundo un proxecto de investigación proposto por Kiwi-España. Posteriormente, iniciouse un estudo para a mellora da calidade do froito de kiwi a través -entre outros- do manexo da fertilización, nun proxecto coordinado con Kiwi-Ibérica e cunha duración prevista de tres anos.

As experiencias controladas de fertilización lévanse a cabo fundamentalmente nas instalacións propias. Podemos destacar a disposición de 108 parcelas de catro metros cadrados para estudar en campo a resposta á aplicación de diferentes cantidades de lodos de depuradora urbana combinadas con calcarias comerciais. Outros ensaios de encalado, con doses crecentes de cal para comprobar a resposta de diferentes solos efectuáronse en ambiente máis controlado, é dicir, en maceta.

Tamén en maceta comparouse o comportamento de dous cultivos tipo: cebada e leituga, e dous solos característicos: natural e agrícola, logo da aplicación de doses crecentes de lodos, para coñecer o valor fertilizante real destes materiais orgánicos. Resulta especialmente relevante estudar o nivel de saturación ou carga máxima que podería recibir o solo, de xeito que se efectuaron ensaios de resposta a doses acumuladas de lodos. Actualmente, pretendemos profundar no estudo do valor fertilizante e ambiental de diferentes materiais orgánicos presentes no mercado.