Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Áreas de Traballo » Fruticultura e Ornamentais » Unidade de Fruticultura


Unidade de Fruticultura

Trabállase no estudo do comportamento agronómico de especies de nova introdución e nos problemas que van xurdindo a medida que os cultivos e o mercado se adaptan. Estes estudos non só se realizan na propia Estación, senón tamén en parcelas das diversas entidades colaboradoras distribuídas pola nosa provincia. Levamos a cabo o seguimento anual dos estados fenolóxicos, así como dos parámetros de produción e calidade de diversas especies, centrándonos actualmente en kiwi, kiwiño, feixoa, mirabel, etc. Despois de realizar durante anos estudos sobre a adaptación ás condicións edafoclimáticas de Galicia, de numerosas froiteiras introducidas doutras latitudes, mantéñense bancos de xermoplasma de especies como Rubus sp., Feijoa sellowiana, Vaccinium sp., Pasiflora edulis, Cucumis metuliferus, Prunus insititia, Actinidia arguta, Persea americana ou Psidium cattleianum.

En colaboración con algunhas empresas do sector do kiwi, faise un seguimento da fenoloxía de diversas plantacións de Actinidia deliciosa co obxecto de determinar o seu ciclo vexetativo na nosa provincia e determinar o momento óptimo de aplicación de fertilizantes e/ou produtos fitosanitarios e reguladores, poda, anelado, apoio da polinización, rareo, etc. Durante anos, os estudos realizados centráronse na mellora do método de propagación, sistema de poda, de fertilización e nos problemas fitosanitarios. Actualmente realízanse tamén estudos para mellorar o tamaño do froito e o número de froitos por planta, coa aplicación de diversas sustancias para mellorar o calibre, con distintas técnicas de cultivo (anelado de pólas) e coa achega de pole por diferentes métodos. Outro dos obxectivos do centro é a mellora das propiedades organolépticas relacionadas coa textura e dozura do froito maduro, polo que no noso centro se están a realizar estudos sobre a evolución dos parámetros organolépticos durante o ciclo vexetativo. Analízase a materia seca, amidón, sólidos solubles (ºBrix) e acidez dende o callado ata a comercialización dos froitos.

Outra das froitas exóticas introducidas en Galicia é a Actinida arguta que comezamos a chamarlle ‘kiwiño’ por ser de tamaño moito mais pequeno e máis doce co kiwi, popularizándose con este nome na poboación galega.

Desde 1987 tamén se realizan estudos de adaptación de pequenos froitos, contando con informes sobre o comportamento, produción e fenoloxía anual de diversas variedades de grosella, arando, framboesa e amora, como alternativa rendible ás explotacións agrarias tradicionais de montaña.

Ademais téntase achegar estes froitos á poboación mediante catas e exposicións. Cómpre destacar o labor que se realiza nas escolas, ás que se leva parte da produción de froito da finca para que a poidan degustar e coñecer os nenos, destacando a colaboración que se mantén con outras administracións e profesionais para implantar o consumo de froitas entre a poboación.