Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Áreas de Traballo » Fruticultura e Ornamentais » Unidade de Ornamentais


Unidade de Ornamentais

Este equipo estuda as características de moitas das especies presentes nos nosos xardíns e a súa adaptación en Galicia, contribuíndo a mellorar os métodos de cultivo e a súa produción nos viveiros, e tamén a coñecer e controlar os problemas fitosanitarios. Desde esta unidade inténtase catalogar e facer os planos dos diversos xardíns da nosa provincia para dar a coñecer o seu enorme valor como patrimonio vexetal en colaboración cos propietarios na súa difusión e conservación.

Das plantas ornamentais que crecen en Galicia, a camelia coñecida como a flor das Rías Baixas e de Galicia é a que maior relevancia ten e está presente en todos os xardíns e fincas, tanto públicos como privados, de toda a xeografía galega. Neste centro realízanse estudos sobre a adaptación e fenoloxía das diferentes especies de Camellia (orixinarias do sudeste asiático) ás condicións edafoclimáticas de Galicia. Dende as nosas instalacións mantense e increméntase cada ano a colección viva de camelias da Deputación de Pontevedra, que ata o momento conta con 40 especies e 800 cultivares distribuídos nos xardíns do Pazo provincial, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e do Castelo de Soutomaior, xunto ós exemplares do Pazo de Gandarón (Misión Biolóxica de Galicia) e do Pazo de Lourizán.

Realízanse prospeccións polos xardíns históricos de Galicia, tanto públicos como privados, para a recuperación de cultivares antigos de Camellia. Forma parte do Historic Camellias and Conservation Working Group (Grupo Internacional de Traballo de Conservación e de Identificación de Camelias Históricas) da International Camellia Society que ten como obxectivo rexistrar, identificar e conservar os exemplares de camelia anteriores ao século XX de todo o mundo.

A aplicación de descritores morfobotánicos e marcadores moleculares (SSR) permite a caracterización e diferenciación varietal de especies de Camellia. Na unidade de Ornamentais disponse dun servizo público de caracterización, identificación e rexistro no International Camellia Register de cultivares de Camellia mediante estas técnicas.

Ademais, actualmente estase a estudar a viabilidade e rendibilidade da produción de té e aceite de camelia en Galicia.

Fentos autóctonos e ornamentais

Os fentos autóctonos teñen especial interese por tratarse de especies en perigo de extinción ó vivir nun hábitat moi oprimido polo home; asegurar a súa presenza é importante á hora de recuperar as ribeiras. Na E.F. do Areeiro mantéñense bancos de xermoplasma destes fentos autóctonos e doutras especies exóticas como os fentos arbóreos Cyathea cooperi e Dicksonia antartica presentes nalgúns xardíns da nosa provincia.

A propagación destas especies é difícil e pouco viable por métodos tradicionais, por iso se puxo a punto unha técnica para a xerminación de esporas in vitro e posterior transplante a cámaras de cultivo con condicións controladas de temperatura e humidade ata acadar un tamaño adecuado para o seu transplante ó viveiro.