Consejo Superior de Investigaciones Científicas
UNIDAD ASOCIADA "SISTEMAS AGROFORESTALES": ESTACIÓN FITOPATOLÓXICA DO AREEIRO - MISIÓN BIOLÓGICA DE GALICIA
Ver esta página en español
Ver esta páxina en galego
Browse this page in english
Inicio » Información Fitosanitaria » Avisos Fitosanitarios
Suscríbase a las novedades de nuestra Página web Suscribirse a las novedades por correo electrónico

AVISO FITOSANITARIO

12/07/2013

VIÑA Estado fenolóxico: K Grans tamaño chícharo
Mildeu:

Manchas de aceite novas en planta testemuñaManchas de aceite de máis de 7 días de antigüidade en planta testemuñaNa visita realizada o día 9 ás nosas parcelas de seguimento tratadas non atopamos síntoma ningún de enfermidade a pesar de que nalgunhas delas transcorrera xa un mes desde a anterior intervención. Nas plantas testemuña tampouco aumentaron os síntomas observados a semana anterior, e mesmo a esporulación aparentaba desvitalizada, consecuencia sen dúbida das altas temperaturas e da ausencia de humidade foliar de días pasados. Con todo, desde os días 9 ou 10, segundo as zonas, están a rexistrarse néboas densas que se traducen en humectación foliar. Consecuentemente, nas parcelas da nosa rede recomendamos renovar os tratamentos e a mesma recomendación é extensible a aquelas leiras onde concluíse o período de protección do último tratamento. Nas demais, algunhas delas recentemente tratadas, manter a vixilancia.


Desde este estado de "grans tamaño chícharo" xa é recomendable aplicar os tratamentos con funxicidas cúpricos, que normalmente incorporan un penetrante (e algúns tamén un contacto)


Oídio:

Esta enfermidade incrementouse sensiblemente en todas as comarcas en variedades sensibles, debido ás condicións climáticas. No Albariño só as nosas plantas testemuña mostraban, na revisión desta semana (día 9), unha moi elevada presenza de síntomas en folla, e tamén nos acios, aínda que estes con menor intensidade. A presenza das néboas que se están a rexistrar aínda favorece máis ó fungo, polo que é necesario tratar.


Lembren que o xofre non se debe empregar con temperaturas moi elevadas. Nestes casos débese tratar con antioídios sistémicos


Síntoma de oídio en pampoOídio nun acio de variedade tinta en tamaño chícharo. Obsérvese raiado do granFolla nova de albariño con forte presenza do fungo


Botrite:

Acios mostrando un callado deficiente da uvaAs condicións climáticas destes días non foron favorables á enfermidade e consecuentemente non atopamos síntomas na revisión das nosas parcelas de seguimento, incluso sobre os restos derivados dun callado deficiente da uva. Aínda así, o incremento da humidade relativa que se rexistra si implica condicións de infección. Incrementar a vixilancia, especialmente en variedades sensibles e naquelas leiras con avanzado desenvolvemento do acio.



Lembren que a presenza de botrite está moi relacionada co estado da pel dos grans: se non hai feridas é pouco probable que se instale o fungo


Black rot:

Black rot - Detalle da mancha mostrando picnidiosTampouco neste caso a climatoloxía de días pasados foi favorable e polo tanto non apareceron novos síntomas. Incrementar a vixilancia debido á humidade relativa derivada da presenza de néboas.


Couzas do acio:

Nesta semana incrementáronse as capturas de adultos das dúas especies de couza nas trampas que temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento, aínda que non de forma alarmante: a máxima cifra obtida foi de 30 individuos de Lobesia botrana na parcela de Barrantes e de 17 de Eupoecilia ambiguella na de Tremoedo. Con todo, a calor extrema destes días non favorece as postas, polo que non se observaron ovos nin penetracións nos grans. Consecuentemente non é necesario tratar.


Eupoecilia (Clysia) ambiguella nunha base engomadaDetalle de machos de Eupoecilia  ambiguella nunha trampa de feromonasPosta de Lobesia botrana nun acio de Albariño


Cicadélidos:

Capturas de dúas especies de cicadélidos en dúas semanasSe a semana anterior anunciabamos un incremento nas capturas de Empoasca vitis nas trampas, esta semana houbo un aumento nas de Zygina rhamni, significativo neste caso (pero tamén esta especie ten menor transcendencia nos viñedos). Non obstante, a presenza de formas ninfais nas follas segue en niveis baixos.


Ácaros:

Picaduras de alimentacion  de Calepitrimerus  vitis. Sintoma inicial de acariose. Observamos novos síntomas de Calepitrimerus vitis (acariose) nos brotes terminais dalgunhas leiras, pero as poboacións son moi reducidas. Incrementar a vixilancia, pero non tratar a menos que se confirmen con exactitude que os síntomas corresponden ó ácaro.


Outros - Golpe de sol:

Efectos de golpe de sol no acioNalgúns acios moi expostos da comarca do Condado vimos os primeiros grans afectados por golpe de sol. Lembren que os labores de esfollado deben realizarse coidadosamente para evitar este fenómeno na medida do posible.


Boa práctica fitosanitaria:


Continuamos ollando viñedos cun excesivo desenvolvemento da cuberta vexetal espontánea. é fundamental segala e tamén realizar a poda en verde para evitar a acumulación de humidade



Lembren sempre que é imprescindible adecuar o volume de aplicación ó da masa vexetal, co fin de evitar as derivas e consecuentemente impedir que o fitosanitario alcance áreas diferentes das do tratamento. Tamén deben UTILIZARSE SEMPRE OS EQUIPOS DE PROTECCIÓN ADECUADOS PARA A REALIZACIÓN DE TRATAMENTOS FITOSANITARIOS



MACEIRA
Moteado:

Mancha incipiente de moteado da maceiraNesta semana as condicións climáticas non foron favorables ó fungo, pero o incremento da humidade que xa se rexistra e que segundo as previsións meteorolóxicas se vai manter nos próximos días, fai que sexa preciso incrementar a vixilancia.


Oídio:

Podosphaera leucotricha - Gromo de maceira con oidioDe mantérense as néboas que apareceron xeralizadamente desde os días 9-10, haberá que estar máis atentos á aparición de novos brotes con oídio.


Couza da maceira:

Carpocapsa pomonella - Penetración larval nun froito da variedade goldenNa nosa parcela de Areeiro non recollemos ningún adulto na trampa despois do tratamento realizado. Ademais, instalamos unha nova trampa nunha leira de Sanxenxo e alí recollemos dous adultos. As temperaturas destes días, do mesmo xeito que referimos para as couzas da vide, non foron favorables ás postas, pero aínda así débese manter a vixilancia xa que a actividade desta especie é continua ó longo do período vexetativo.


Pulgóns:

Colonia de pulgón laníxero fortemente parasitadaPulgón cincento - Forma ápteraDébese vixiar especialmente a evolución das poboacións do pulgón cincento e do pulgón lanífero, pois son as dúas especies máis daniñas para a maceira. No caso do lanífero, lembren que existe un parasitoide moi eficaz, Aphelinus mali, que está presente en moitas zonas da nosa provincia e que debe ser considerado na planificación de calquera tratamento.


Araña vermella:

Femia de Panonychus ulmiPanonychus ulmi - Formas móbiles en follaObservamos novas colonias nas maceiras, a pesar de que as temperaturas tan elevadas que tivemos tampouco lles favorecen. De momento non se alcanza nin moito menos o limiar de tratamento na maioría dos casos. Incrementar a vixilancia.

PATACA
Epitrix similaris e couza da pataca:

Restos de cultivo de patacaNestes momentos nos que en moitas leiras se está a proceder á colleita, lembren que é fundamental eliminar os restos do cultivo da leira e destruílos para evitar que alberguen individuos destas pragas.


DETECTADA UNHA NOVA PRAGA PARA AS FROITEIRAS EN GALICIA:
Drosophila suzukii Matsumura 1931
 
Drosophila suzukii Matsumura 1931 é unha mosca que pode atacar froitos de diferentes froiteiras: cerdeira e outros froiteiros de óso, kiwi, figueira, caqui e pequenos froitos. Tamén a vide ou o amorodo están entre os seus hóspedes. A diferenza doutras moscas da froita, a súa importancia radica en que as femias poñen os seus ovos en froita sa, sen feridas, e as larvas aliméntanse na polpa, co que o froito se deprecia para o consumo e/ou cae prematuramente.

É unha especie do sueste asiático que está en España desde 2008. A súa elevada capacidade reprodutiva, a súa adaptación a diferentes condicións ambientais e o rango de hóspedes con moi diferentes períodos de frutificación fan que sexa considerada coma unha ameaza e que estea incluída na Lista A2 da EPPO (Organización Europea para a Protección das Plantas).

Este ano foi o primeiro en que a detectamos en Galicia, como consecuencia da estreita colaboración existente entre Areeiro (Deputación de Pontevedra) e o Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural e do Mar (Xunta de Galicia). A detección tivo lugar en trampas (mosqueiros), situadas nalgúns puntos de Pontevedra, sobre cerdeiras. Con todo, non vimos danos (situación relativamente frecuente cando a praga está recentemente detectada), e todas as larvas que atopamos nos froitos correspondían á mosca da cereixa (Rhagoletis cerasi). No entanto, a partir de agora haberá que estar pendentes ante a súa posible detección noutras zonas e/ou sobre outros cultivos. Para máis información, consulte cos servizos oficiais.
 
Mosqueiro empregado para a captura de adultos de Drosophila suzukiiMacho de Drosophila  suzukii e detalles característicosAntenas de Drosophila suzukii